Ir al contenido principal

CONVOCATORIA Cartel Verbena do Rella 2026

 Bases do Concurso de Cartel

A Verbena do Rella 2026

 

A Asociación Cultural Rebulir convoca o Concurso de Cartel da Verbena do Rella 2026, co obxectivo de seleccionar a imaxe oficial que representará a próxima edición deste evento cultural e festivo.

 

1. Obxecto

O obxectivo deste concurso é a selección do cartel oficial da Verbena do Rella 2026, que será empregado para a promoción e difusión do evento en diferentes soportes impresos e dixitais.

 2. Participación

Poderán participar todas aquelas persoas creadoras, artistas ou deseñadoras que o desexen, tanto de maneira individual como colectiva.

Cada participante poderá presentar un máximo de dúas obras, sempre que sexan orixinais, inéditas e non presentadas previamente a outros concursos.

No caso de participantes menores de idade, deberán seguir as intrucións que aparecen na parte de datos (punto 5).

3. Características das obras

As propostas deberán cumprir os seguintes requisitos:

O cartel deberá incluír unha referencia visual (implícita ou explícita) a Manuel “O Rella”, gaiteiro, figura que inspira e dá nome ao evento. Esta representación poderá ser realista ou interpretada artisticamente, pero deberá permitir identificar ou evocar ao personaxe.

O deseño deberá incluír obrigatoriamente o seguinte texto:

A Verbena do Rella 2026

4 de Xullo de 2026

Vilavidal (Concello de Ramirás)

Deberá reservarse un espazo na parte inferior do cartel para a inclusión de logotipos institucionais e entidades colaboradoras.

Tamén deberá preverse un espazo para a inclusión posterior dos grupos ou artistas participantes.

Así mesmo, deberá deixarse un espazo para incorporar un código QR que remita á programación completa do evento.

 4. Formato e técnica

A técnica será libre (ilustración, fotografía, deseño gráfico, técnicas mixtas, etc.).

O cartel deberá presentarse en formato vertical.

Recoméndase que o deseño estea pensado para unha reprodución aproximada en tamaño A3, cunha resolución axeitada para impresión.

 5. Forma de presentación

As obras deberán presentarse exclusivamente en formato dixital.

O envío realizarase ao seguinte correo electrónico: rebulir@hotmail.com

No correo electrónico deberán indicarse os seguintes datos da persoa participante:

  • Ø  Nome e apelidos
  • Ø  Data de nacemento
  • Ø  Enderezo
  • Ø  Correo electrónico
  • Ø  Teléfono de contacto
NOTA MENORES DE IDADE: En caso de que a persoa participante sexa menor de idade deberá incluir un documento de autorización de participación asinado por parte dos/as titores/as legais. Sen este documento o envío non será válido. 

As obras deberán enviarse en formato JPG ou PDF, cunha resolución axeitada para impresión.

Os prazos de presentación das obras serán os seguintes:

  • Ø  Data límite de entrega: 25 de marzo de 2026 ás 23:59 h.
  • Ø  Datas de votación en redes sociais: Do 26 de marzo ao 2 de abril de 2026
  • Ø  Decisión do xurado: 4 de abril de 2025

6. Exposición e votación popular

Todas as obras presentadas ao concurso serán publicadas nas redes sociais da Asociación Cultural Rebulir, co fin de promover a participación do público.

A cidadanía poderá votar polas súas propostas favoritas a través das interaccións nas publicacións das redes sociais.

As tres propostas que obteñan maior número de votos (gústame) pasarán á fase final do concurso.

Ademais, as obras presentadas serán expostas nun local público durante as datas previas á celebración da Verbena do Rella, co obxectivo de difundir o traballo das persoas participantes e fomentar a participación cultural da veciñanza.

 7. Resolución do concurso

Entre as tres propostas máis votadas nas redes sociais, un xurado designado pola directiva da Asociación Cultural Rebulir escollerá a obra gañadora.

Na súa valoración teranse en conta aspectos como:

  • Ø  A creatividade e orixinalidade da proposta
  • Ø  A calidade artística e técnica
  • Ø  A capacidade do cartel para representar o espírito da verbena do rella
  • Ø  A integración da figura de Manuel “O Rella” na proposta visual

A decisión do xurado será inapelable.

8. Premio

Establécese un único premio para o cartel gañador consistente en:

  • Ø  Tablet de última xeración (ou vale por valor equivalente)
  • Ø  Lote de libros do Consello da Cultura Galega (CCG)
  • Ø  Diploma acreditativo

A entrega do premio realizarase durante o transcurso da Verbena do Rella 2026.

A organización resérvase o dereito de declarar o premio deserto se o considera oportuno.

9. Dereitos de uso

A obra gañadora pasará a ser imaxe oficial da Verbena do Rella 2026, reservándose a Asociación Cultural Rebulir o dereito de reproducila e difundila en calquera soporte relacionado coa promoción do evento, mencionando sempre a autoría.

 10. Aceptación das bases

A participación neste concurso implica a aceptación íntegra das presentes bases.

Comentarios