ACTIVIDADES

Durante todo o ano organízanse múltiples actividades puntuais como son exposicións, charlas, obradoiros, saídas... pero algunhas xa son preestablecidas de antemán como son:

FESTIVAL REBULIR de Baile e Música Tradicional. Como o seu nome indica trátase dun Festival ou Mostra que trae ata Ramirás grupos chegados de toda Galicia, España e mesmo do Estranxeiro. Soe celebrarse a fin de semana anterior a Nadal e sempre inclúe diferentes actividades no seu programa. No 2012 chegará a súa VII edición.
Para máis información podedes visitar a web propia http://www.festivalrebulir.com 

CANTOS DE REIS. Fai uns anos que a nosa asociación recuperou na tarde e noite anterior ao día de reis, a tradición dos cantos e cantigas polas casas da contorna. Así un nutrido grupo de gaiteiros, cantareiras, e outros percorren establecementos e portas dos veciños pedindo o aguinaldo correspondente.

NOITE DE FIADEIRO. É unha festa que se celebra cada derradeiro Sábado de Abril e ten como finalidade recuperar a esencia do que eran os antigos Fiadeiro da comarca de Celanova, onde mozos e mozas se xuntaban para cantar, tocar, bailar ou simplemente pasalo ben. Para máis información podedes visitar http://www.noitedefiadeiro.com/

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ANTIGA. Este concurso naceu coa intención de recuperar dos antigos albumes e arcas, esas instantáneas que recollen a historia recente do Concello de Ramirás e a súa comarca. Xa van tres edicións pechadas e son centos as fotografías anteriores a 1980 que se teñen recollido. A partir desto estase creando un arquivo de fotografias que pretende preservar de factores ambientais as iamxes e que así pervivan moitos anos máis.
Froito deste concurso anualmente tamén se organiza unha EXPOSICIÓN que inclúe parte deste arquivo fotografico así como diverso material de caráter etnográfico.

FESTA DE PECHE DO CURSO. Esta é unha xornada que se soe facer a finais do mes de Xuño, e serve como un encontro entre membros, pais, familiares e amigos de Rebulir nun ámbito festivo con múltiples actividades, e que sempre se pecha coa actuación de todos os grupos que compoñen esta escola mostrando os coñecementos e habilidades adquiridas ao longo do ano..




COLABORACIÓNS CON OUTROS COLECTIVOS.

A nosa filosofía de apoio mútuo entre asociacións  sen ánimo de lucro para a consecución e organización de actividades lévanos a colaborar con outras entidades de xeito habitual e puntual; procurando un intercambio non económico entre as mesmas.