A Asociación Cultural Rebulir, Escola de Baile e Música Tradicional nace no ano 2007 no Concello de Ramirás (Ourense). Aínda que de recente creación leva participado en numerosos festivais e actuacións ao longo da xeografía autonómica, estatal e mesmo internacional. Conta con máis de 80 alumnos de todas as idades, divididos en diferentes grupos, sendo o cumio da súa formación entrar a formar parte do grupo de adultos, o cal ano a ano vai aumentando a súa calidade artística.
O seu principal obxectivo é a recuperación e difusión da cultura tradicional galega en tódolos seus ámbitos (baile, música, patrimonio oral, xogos, gastronomía, festas, celebracións...), poñéndoa en valor dun xeito accesible a todo o mundo, e devolvéndolle ao pobo o que é seu, para que deste xeito non se rompan os ciclos interxeracionais que a fixeron chegar ata os nosos días.
Anualmente organiza diferentes actividades de carácter lúdico-cultural como cursos, obradoiros, charlas, excursións, exposicións… destacando o Festival de Baile e Música Tradicional Rebulir que no ano 2011 chegará a súa VI Edición. Tamén cabe mencionar a Noite de Fiadeiro, que se celebra o derradeiro Sábado de Abril. Nesta festa recuperase a esencia dos antigos Fiadeiros da comarca, onde mozos e mozas xuntábanse para cantar, bailar e tocar, disfrutando do ambiente de troula. Outra das actividades que está a ter moito éxito é o Concurso de Fotografía Antiga, co cal se están a recoller numerosas instantáneas con data anterior a 1980 e que reflicten momentos do que era a vida no Concello e na Comarca de Terras de Celanova fai décadas.
Nas súas actuacións inténtase facer un percorrido polos diferentes ritmos e tipoloxías de danzas que existen en Galicia, desde as máis tradicionais muiñeiras e xotas, até as danzas procesionais, pasando por todo tipo de agarrados. Así procúrase difundir a cultura tradicional galega que como ben sabemos é ampla e moi rica.


