Saltar ao contido principal

GALA BEIZÓN - 20 ANOS

 

ENTRADAS PROXIMAMENTE Á VENDA EN ATAQUILLA




Beizón é gratitude, bos desexos e recoñecemento cara a aquilo que valoramos e queremos celebrar. E precisamente con ese sentimento nace esta gala.

Con Beizón queremos celebrar os 20 anos de Rebulir, dúas décadas de traballo, aprendizaxes, encontros, escenarios, viaxes, amizades e compromiso coa cultura tradicional.

Unha gala na que facer un percorrido polo que fomos, somos e seremos. Un escenario para amosar parte do camiño realizado, para lembrar momentos e persoas que forman parte da nosa historia e, sobre todo, para volver reunirnos arredor do baile, da música e da cultura tradicional.

Ao longo destes vinte anos, Rebulir foi medrando desde Ramirás para abrirse a Galicia e ao mundo, levando consigo unha maneira de entender a tradición como algo vivo, dinámico e compartido. Centos de persoas pasaron pola asociación, polos seus escenarios, polas aulas, polas viaxes e polos diferentes proxectos que foron dando forma ao que hoxe somos.

Beizón quere ser tamén unha homenaxe a todas elas: ás persoas que iniciaron este camiño, ás que o acompañaron durante algún momento e ás que hoxe continúan facendo posible que Rebulir siga medrando. Ás familias, ao alumnado, aos músicos e bailadores, ás entidades colaboradoras e a todas aquelas persoas que, dunha maneira ou doutra, deixaron a súa pegada nestes vinte anos.

Será unha noite para reencontrarnos, emocionarnos, bailar, cantar e celebrar. Porque vinte anos non son só unha data. Son milleiros de lembranzas compartidas e, sobre todo, a certeza de que queda moito camiño por diante.

Beizón por estes vinte anos. E beizón a todas as persoas que fixestes e facedes Rebulir.

Comentarios