Ir al contenido principal

HISTORIA

A Asociación Cultural Rebulir, Escola de Baile e Música Tradicional nace no curso 2005/2006 no Concello de Ramirás (Ourense) seguindo coa senda aberta anteriormente pola  Agrupación Folclórica Sendra, a Banda de Gaitas de Ramirás e a Escola de Baile de Ramirás. Nestes anos de historia leva participado en numerosos festivais e actuacións de carácter  autonómico, estatal (Illas Canarias, Asturias, Andalucia, Cantabria, Euskadi, Cataluña, Castela e León, Madrid, Com. Valenciana, Andalucía...)  e mesmo internacional (Portugal, Francia, Andorra, Hungría, Austria, Alemaña, Polonia, Suiza e República Checa). No ano 2024 resulta seleccionado como grupo representante de Galicia no 53 FIL-Festival Intercéltico de Lorient. 

Entre os recoñecementos obtidos cabe salientar que no ano 2018, recibe o Premio "Xavier Prado Lameiro"  pola súa contribución a recuperación, difusión e posta en valor da Cultura Galega. E no ano 2019 outórganlle o Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural polo proxecto do Festival Internacional Rebulir. 

Conta con máis de 100 alumnos de todas as idades, divididos en diferentes grupos, sendo o cumio da súa formación entrar a formar parte do grupo oficial.

O seu principal obxectivo é a recuperación e difusión da cultura tradicional galega en tódolos seus ámbitos (baile, música, patrimonio oral, xogos, gastronomía, festas, celebracións...), poñéndoa en valor dun xeito accesible a todo o mundo, e devolvéndolle ao pobo o que é seu, para que deste xeito non se rompan os ciclos interxeracionais que a fixeron chegar ata os nosos días.
 
Anualmente organiza diferentes actividades de carácter lúdico-cultural como cursos, obradoiros, charlas, excursións, exposicións… destacando o FIR (Festival Internacional Rebulir de Baile e Música Tradicional) que no ano 2024 chegará a súa XIX Edición. Tamén cabe mencionar a Verbena do Rella, que se celebra unha vez entrada a primavera. Nesta festa recuperase a esencia dos antigos Fiadeiros da comarca, onde mozos e mozas xuntábanse para cantar, bailar e tocar, disfrutando do ambiente de troula. Outra das actividades que tivo moito éxito no seu día é o Concurso de Fotografía Antiga, co cal se recolleron numerosas instantáneas con data anterior a 1980 e que reflicten momentos do que era a vida no Concello e na Comarca de Terras de Celanova fai décadas. E nos últimos anos estanse organizando os encontros de "C@ntadas" onde poñemos en valor o patrimonio oral da zona vivenciado a través de diferentes veciños e veciñas que relatan as súas experiencias vitais, e narran aos asistentes contos, lendas, refráns... etc.

Nas súas actuacións inténtase facer un percorrido polos diferentes ritmos e tipoloxías de danzas que existen en Galicia, desde as máis tradicionais muiñeiras e xotas, até as danzas blancas, gremiais e procesionais, pasando por todo tipo de agarrados. Así procúrase difundir a cultura tradicional galega que como ben sabemos é ampla e moi rica.