Ir al contenido principal

ACTIVIDADES

Durante todo o ano organízanse múltiples actividades puntuais como son exposicións, charlas, obradoiros, saídas... pero algunhas xa son preestablecidas de antemán como son:

FIR - FESTIVAL INTERNACIONAL REBULIR - Como o seu nome indica trátase dun Festival ou Mostra que trae ata Ramirás grupos chegados de toda Galicia, España e mesmo do Estranxeiro. Soe celebrarse a fin de semana anterior a Nadal e sempre inclúe diferentes actividades no seu programa. No 2024 chegará a súa XIX edición.
Para máis información podedes visitar a web propia http://www.festivalrebulir.info



PREMIOS REBULIR da CULTURA GALEGA - O Premio Rebulir de Cultura Galega, nace no ano 2012 como un recoñecemento a persoas/colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura tradicional nas súas diferentes manifestacións. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Ourense e de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz.  

A entrega do premio faise no marco da Gala central do FIR (Festival Internacional Rebulir) e consiste na entrega dun diploma acreditativo e dunha estatuilla que sempre elabora algún artesán ou artista galego. Asemade, estase convertindo en tradición que os premiados/as ofrezcan ao público asistente unha pequena mostra do seu bofacer musical, dialéctico, artístico...  

CANTOS DE REIS - Fai uns anos que a nosa asociación recuperou na tarde e noite anterior ao día de reis, a tradición dos cantos e cantigas polas casas da contorna. Así un nutrido grupo de gaiteiros, cantareiras, e outros percorren establecementos e portas dos veciños pedindo o aguinaldo correspondente.

A VERBENA DO RELLA - É unha festa que se celebra no mes de xuño. A finalidade é doble, por unha banda recuperar a esencia do que eran os antigos Fiadeiro da comarca de Celanova, onde mozos e mozas se xuntaban para cantar, tocar, bailar ou simplemente pasalo ben; e por outra, poñer en valor a figura de Manuel "O Rella" gaiteiro da comarca. 


CONCURSO DE FOTOGRAFÍA ANTIGA - Este concurso naceu coa intención de recuperar dos antigos albumes e arcas, esas instantáneas que recollen a historia recente do Concello de Ramirás e a súa comarca. Xa van tres edicións pechadas e son centos as fotografías anteriores a 1980 que se teñen recollido. A partir desto estase creando un arquivo de fotografias que pretende preservar de factores ambientais as iamxes e que así pervivan moitos anos máis.

Froito deste concurso anualmente tamén se organiza unha EXPOSICIÓN que inclúe parte deste arquivo fotografico así como diverso material de caráter etnográfico.

ENCONTROS "CANTAD@S" - O que pretende esta actividade é dar a coñecer as experiencias, historias de vida, lendas, contos, anécdotas, retrancas... en definitiva, o patrimonio oral da comarca. Para esto contarase coa testemuña de veciños e veciñas das diferentes parroquias, e tamén de recoñecidos contacontos a nivel galego e estatal.  Este encontros reproducense con certa frecuencia implicando na súa dinámica á veciñanza, para que o coñecemento acumulado nas memorias colectivas non se perda e siga o ciclo que veu cumplindo ata o momento. 

ROMERÍA REBULDEIRA - Festa de Peche de Curso  - Esta é unha xornada que se soe facer a finais do mes de Xuño, e serve como un encontro entre membros, pais, familiares e amigos de Rebulir nun ámbito festivo con múltiples actividades, e que sempre se pecha coa actuación de todos os grupos que compoñen esta escola mostrando os coñecementos e habilidades adquiridas ao longo do ano..

OUTRAS ACTIVIDADES - Monográficos, obradoiro, charlas, saídas, concertos, exposicións... son outras das moitas actividades que organizamos ao longo do curso e que completan a oferta lúdico-cultural desta asociación. 

COLABORACIÓN CON OUTROS COLECTIVOS - A nosa filosofía de apoio mútuo entre asociacións  sen ánimo de lucro para a consecución e organización de actividades lévanos a colaborar con outras entidades de xeito habitual e puntual; procurando un intercambio non económico entre as mesmas.